Thursday 25 de April de 2024

O período voluntario de pagamento dos impostos municipais finaliza o próximo 5 de decembro


As persoas interesadas tamén poden solicitar ata o 28 de febreiro o Pagamento con Vencemento Especial do IBI para 2015, o que permite obter unha bonificación do 2%

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Economía e Facenda que dirixe Roberto Coira, recorda que ata o próximo venres, 5 de decembro, está aberto o período voluntario de ingreso dos tributos locais correspondentes ao exercicio 2014.
Por segundo ano consecutivo e debido á boa acollida que tivo en 2013 por parte dos contribuíntes, o Goberno municipal tamén ampliou en 2014 o prazo para realizar o pagamento dos impostos ata os case tres meses. En concreto, agora son tres semanas máis -do pasado 15 de setembro ao próximo 5 de decembro-, cando anteriormente o período voluntario era de dous meses -do 1 de outubro ao 30 de novembro-. Esta iniciativa da área de Economía e Facenda facilita o pagamento de impostos aos coruñeses, que en 2014 puideron elixir para efectuar os seus pagamentos entre catro meses (setembro, outubro, novembro ou decembro) en función do seu interese.
O período voluntario de pagamento que está actualmente aberto ata o 5 de decembro corresponde á taxa de recollida de lixos (comercial e industrial), taxa de cemiterios, taxa por entrada de vehículos e reserva de espazo sobre a vía pública, taxa por ocupación de vía pública con aparatos distribuidores, imposto sobre bens inmobles (IBI) urbanos e rústicos, e o imposto sobre actividades económicas (IAE).
Todos os impostos municipais corresponden ao exercicio 2014, cun total de 213.180 recibos -son 3.033 máis que o ano pasado- e un ingreso previsto de ao redor de 75,55 millóns de euros.

TRIBUTO RECIBOS IMPORTE (euros)
Recogida de basuras 12.849 3.227.738,74
Tasa por entrada de vehículos y reserva
de espacio 3.097 2.034.835,67
Tasa de cementerios 26.950 520.880,58
Tasa por ocupación de vía pública 102 14.525,10
Impuesto sobre bienes inmuebles (IBI)
urbanos y rústicos 166.440 59.503.534,51
Impuesto sobre actividades económicas (IAE) 3.742 10.252.745,43
TOTAL 213.180 75.554.260,03
O actual equipo de goberno conxelou os tributos para 2014 por terceiro ano consecutivo, unha medida que se repetirá de novo en 2015 e que está dentro do compromiso do Concello de axudar ás familias na medida do posible. Así, por primeira vez na historia da cidade, se conxelaron os impostos durante un mandato completo, permíteo aos coruñeses aforrar 10 millóns de euros.
A Concellaría de Economía e Facenda establece diferentes modalidades de cobramento para facilitar aos veciños o pagamento dos seus impostos, cuxo prazo remata o próximo 5 de decembro:
1. Os tributos poden aboarse na Concellaría de Facenda, na caixa municipal da rúa da Franxa, de luns a venres, entre as 08.00 e as 14.00 horas:
. Metálico.
. Cheque a nome do Concello da Coruña, conformado ou certificado pola entidade bancaria.
. Multitarxeta débito ou crédito Visa / Mastercard.
2. Na web municipal www.coruna.es pódese pagar a través de dúas modalidades:
. Con certificado dixital: Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, BBVA, Bankia, Abanca e CaixaBank.
. Sen certificado dixital: pódese pagar con tarxeta de calquera entidade bancaria.
3. Nas 15 entidades bancarias colaboradores no seu horario de atención ao público: BBVA, Banco Caixa Geral, Banco Etcheverría, Banco Español de Crédito, Banco Pastor, Banco Popular Español, Banco Sabadell, Banco Santander, Barclays Bank, Abanca,Catalunya Banc, Banco de Caixa España, Bankia, CaixaBank eCitibank.
O pagamento a través de entidades colaboradoras pode realizarse utilizando calquera das modalidades que teñan dispoñibles:
– Xanela.
– Caixeiros automáticos (un encóntrase nas propias oficinas da rúa da Franxa co obxectivo de axilizar e reducir o tempo de espera).
– Domiciliación bancaria. En aplicación da Lei 16/2009 de servizos de pagamento, o débito en conta do importe dos recibos domiciliados realizarase este ano o próximo 3 de outubro.

BONIFICACIÓNS
Durante este período voluntario de ingreso dos tributos municipais tamén se efectuou o segundo prazo do Pagamento con Vencemento Especial do IBI do ano 2014, o que permitiu obter unha bonificación do 2% para aqueles contribuíntes que se acollesen a este novidoso sistema que facilita o seu pagamento mediante a domiciliación bancaria. As persoas interesadas en acollerse ao pagamento fraccionado do imposto de bens inmobles para 2015 xa poden presentar a súa solicitude ata o 28 de febreiro do próximo ano.
Unha vez máis, o Goberno municipal destaca o grao de compromiso dos coruñeses co pagamento dos seus tributos. Así, na Conta Xeral de 2013 apreciouse unha mellora no grao de execución do presuposto non só nos capítulos de gasto e investimento, senón que tamén no apartado de ingresos, no que se rozou o 87% -no caso do IBI a porcentaxe elevouse ata o 89,08%-, o que permite contar cunha economía municipal máis saneada e con maior liquidez para facer fronte aos gastos e aos investimentos programados dende o Concello da Coruña.